CRTVG

Buscar

Disputa polos "decretazos"

Publicado o 06/03/2019 12:13

A precampaña deixou onte unha nova restra de acusacións cruzadas entre os partidos, tras as declaracións da presidenta do Congreso, Ana Pastor, acusando os socialistas de iren dopados ás eleccións por levar decretos á Deputación Permanente en período electoral. A vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lasta, tirou da Gürtel para responder que o PP foi o único partido dopado. 

"Eu creo que o PSOE se equivoca se pretende insultar a presidenta do Congreso", así respondeu Pablo Casado, para, despois, expresar dúbidas sobre a legalidade de levar, neste período, os decretos á Deputación Permanente.

Pablo Casado, PP: "Nós recorremos á Xunta Electoral Central, e tal como sinala a prensa hoxe, poden ser constitutivos dalgunha ilegaligade por instrumentalización das Cortes para medidas electoralistas que non van poder aprobar nin poñer en práctica nin pagar".

Pedro Sánchez, presidente do Goberno: "Ata en 60 ocasións obstaculizaron parlamentariamente a tramitación esas conquistas sociais porque sabían que as perderían no Congreso se fosen debatidas".

Así respondeu o líder socialista, explicando que parte do que agora aproban por decreto tras os acordos con Podemos é o que PP e Ciudadanos bloquearon coa súa maioría na Mesa do Congreso, que dixo, impediu o debate e a votación destas medidas.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno: "É que o PP e C's ao único que se dedicaron estes nove meses foi a bloquear parlamentariamente estas medidas".

En Podemos din que apoiarán medidas como a equiparación profgresiva dos permisos de paternidade ou maternidade ou as destinadas a frear os prezos dos alugueiros, porque as consideran unha necesidade social.

Ione Belarra, Podemos: "É evidente que o Goberno está facendo electoralismo cos reais decretos, pero nós imos apoiar os que melloren a vida da xente, aínda que non sexan as medidas que nós estabamos poñendo enriba da mesa".

En Ciudadanos consideran que estes cambios normativos son decretos-fake, porque non teñen financiamento.

Albert Rivera, Ciudadanos: "Nós estamos en contra de gobernar por decretazos, tanto cando o fixo Rajoy -que non lle vin a Casado dicir nada- como cando o fai Sánchez. Efectivamente, pódese recorrer, pero hai que ser coherente e non se pode gobernar por decretazo e queixarte cando o fai outro cando ti fixeches o mesmo".

Noticias web

06/03/2019