CRTVG

Buscar

Dispárase o prezo do transporte marítimo en Vigo por mor da pandemia

Publicado o 08/09/2021 17:14

A covid-19 está na orixe do problema. As navieiras adaptáronse á caída de tráficos con menos frecuencias e os contedores empezaron a pasar protoclos de limpeza e desinfección. Así naceu o atasco na loxística, o que disparou os prezos nun 300 por cento no último ano, en transporte de pesca conxelada, conserva, granito ou aluminio. Os problemas do canal de Suez ou o peche de portos chineses complicaron a situación. Dende a Cooperativa de Armadores de Vigo negocian con importantes multinacionais para conseguir unha maior regularidade.

Un contedor que custaba 1.200 euros ao inicio da pandemia, pode chegar agora nalgúns casos aos 10.000. Os armadores alertan do grave problema económico ao que se enfrontan.

Pero a maior dificultade é que non hai contedores dispoñibles, o que dificulta seriamente o traballo da frota pesqueira. O porto de Vigo encaraba con optimismo a recuperación do tráfico de contedores cun crecemento do 12 por cento respecto ao ano pasado. Pero esta complicación supón un obstáculo máis.

En Vigo agardan conseguir un equilibrio entre oferta e demanda para poder consolidar a recuperación do transporte marítimo.

Noticias web

08/09/2021