Dispárase o prezo da luz un 27 % en plena vaga de frío
E en pleno temporal de frío, a factura da luz dispárase. O aumento da demanda elevou o prezo da electricidade un 27 % nesta semana. Unha suba histórica que moitos notarán na factura de xaneiro.
A luz acada prezos nunca vistos xusto nestes días en que o frío nos pide casiña e calefacción. Prender os aparatos eléctricos é esta semana case un 30 % máis caro que no comezo do ano. Se se manteñen estes prezos, o recibo medio de xaneiro acadará os 80 euros fronte aos 60 de decembro. O aumento da demanda polo frío é o principal motivo, pero non o único.
Os clientes do mercado libre non notarán este 'susto' na factura de xaneiro. Pero, ollo, os expertos insisten en que o importante é botar contas do que nos custa a luz ao longo de todo o ano, e non só nun mes de suba puntual.
Apuntan que a suba é mais notable porque vimos do 2020 cos prezos máis baixos da década e aconsellan contratar tarifas con discriminación horaria para aforrar no servizo.
Ante esta suba da electricidade, o ministro de Consumo pídelle á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia que investige se houbo irregularidades no mercado eléctrico. Alberto Garzón quéixase de que unha vez máis, volva coincidir unha vaga de frío cun incremento do prezo da luz.