CRTVG

Buscar

Dispárase a venda de billetes de avión de Alemaña ás Canarias e ás Baleares, mentres na Península se manteñen os peches perimetrais

Publicado o 15/03/2021 14:38

Poucos desprazamentos e só dentro da comunidade autónoma. "Iremos a unha casa que temos na aldea", di unha muller. 

Así serán os plans da moitos cidadáns españois na ponte de San Xosé e na Semana Santa, despois de que na última interterritorial se acordara manter pechadas as comunidades perimetralmente nesas datas.

Os únicos territorios que poderán recibir visitantes son as Canarias e as Baleares. E moitos cidadáns alemáns xa preparan as maletas para viaxar ás illas.

"Non o entendo, nós aquí case non nos podemos mover - quéixase un señor-  e, en cambio, poden vir persoas doutros países".

A venda de billetes de avión disparouse despois de que o venres Alemaña excluíra as Baleares das zonas consideradas de risco e autorizara as viaxes dos seus cidadáns. Iso si, para poder visitar Mallorca será necesario presentar unha PCR negativa.

Pero a compañía aérea alemá Lufthansa xa anunciou que dobrará os seus voos para as vindeiras vacacións, tras rexistrar nas últimas semanas un forte incremento das reservas tanto para Mallorca como para as Canarias. Alemaña é o segundo mercado emisor de turistas a España, só por detrás do Reino Unido.

Noticias web

15/03/2021