CRTVG

Buscar

Dispárase a incidencia acumulada en Rois, con 81 casos activos

Publicado o 05/02/2021 15:30

En Galicia temos concellos coa incidencia aínda disparada. Estamos na área sanitaria de Santiago, onde o que máis preocupa é Rois. 

O Nadal marcou un antes e un despois en Rois. As celebracións familiares facilitaron a entrada do virus nas aldeas do concello, que hoxe ten a séptima maior incidencia de Galicia.

Ramón Tojo, alcalde de Rois, di que "pensamos que foi o Nadal que serviu de catapulta. Pasamos de moi poucos positivos a 125 en moi pouco tempo, en doce días multiplicamos por vinte os casos".

Superan os 2.500 casos por cada 100.000 habitantes, se ben é certo que aquí viven unhas 4.500 persoas. Os contaxios empezaron a baixar e hoxe hai 81 casos activos, pero a situación preocupa.

"A xente xuntouse e agora temos que pagalo todos, claro".

"Vexo a situación mal, cada día peor".

"Vese moi pouca xente, moita tristeza".

As miradas están postas no colexio dos Dices, onde hai 8 alumnos contaxiados e unha aula pechada.

Ramón Tojo asegura que "son casos orixinados nas familias, xente contaxiada que, loxicamente, tamén contaxian algún neno. Hai unha aula pechada e estanse a tomar todas as medidas pertinentes".

Moitos dos pais participaron no cribado da comarca do Sar, onde se detectaron 21 positivos que, sen sabelo, poderían estar estendendo o virus por estes concellos da contorna de Santiago.

 

Noticias web

05/02/2021