CRTVG

Buscar

Dispárase a demanda de casas no rural tras o confinamento

Publicado o 09/07/2020 14:29

As inmobiliarias especializadas na venda de casas no medio rural non dan abasto a atender consultas de novos clientes interesados neste tipo de propiedades. É unha das consecuencias do confinamento, que fixo que se disparase a demanda, e en moitos casos os prezos, de vivendas situadas fóra das cidades.

Rosy Costoya, directora do portal inmobiliario Galician Country Homes, cóntanos que están intentando manter os prezos. "Facémonos eco de que esta situación, cunha grande afluencia de clientes que buscan outro estilo de vida, non está exenta de que detrás hai unha determinada situación socioeconómica", asegura. "Moitas veces as persoas que os contactan tiveron que vender as propiedades que antes tiñan para poder acceder a unha das propiedades que temos á venda".

O confinamento tamén mudou o perfil dos potenciais compradores de casas e de chalés no rural. Aumentaron os clientes procedentes de todo o ámbito estatal, pero tamén aqueles doutros países que están interesados en adquirir propiedades como forma de investimento.

"Os investidores que se nos están achegando, poñendo a mirada en Galicia, son do resto de España", apunta Rosa Costoya. "Estannos contactando, por exemplo, dende Madrid, o País Vasco ou o sur de España. Teñen a ollada posta en Galicia tanto para negocios que están en pleno funcionamento como para aqueles que tiveron que pechar e teñen a intención de reincentivalos. Tamén hai investidores que chaman dende todas as partes do mundo, neste sentido", asegura.

No caso do arrendamento de casas no rural, mesmo se dá a circunstancia de que a oferta existente na actualidade non chega a cubrir a demanda.

Noticias web

09/07/2020