CRTVG

Buscar

Dispárase a demanda de carne de porco celta

Publicado o 03/10/2017 14:19

Dispárase a demanda de porco celta. Tanto, que xa supera a produción actual. A explicación está na certificación desta carne cun selo de calidade que garante nun cen por cento que se trata dunha raza autóctona. Nos últimos meses tamén medrou o interese dos gandeiros por esta crianza. No que levamos de ano iniciáronse neste tipo de explotacións 20 produtores.

Os pasos dados para diversificar o mercado da carne de porco celta comeza a dar os seus froitos, e a día de hoxe a demanda xa supera a produción. Ao ano sacrifícanse uns 1.200 exemplares todos rexistrados baixo o selo de calidade que garante a procedencia da carne nun cen por cento de raza autóctona. Este certificado conseguido hai pouco máis dun ano serviu de pulo ao sector, que segue a traballar pola conservación dunha especie en perigo de extinción e por diferenciar e garantir a calidade do seu produto no mercado.

Actualmente hai 130 explotacións de porco celta en toda Galicia, pero o número de produtores medra cada ano. Neste 2017 xa se sumaron unha vintena máis. 
Os exemplares sacrifícanse unha vez superan os dez meses. Dende Asoporcel traballan en varios proxectos de investigación sobre a alimentación das crías para adiantar o sacrificio, pero sempre garantindo a calidade do produto. Ademais da carne en fresco, hoxe o porco celta xa se comercializa noutros formatos culinarios como en hamburguesa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/10/2017