CRTVG

Buscar

Dispáranse os novos contaxios en Galicia: 441 nas últimas 24 horas

Publicado o 21/10/2020 11:50

• É a maior cifra de contaxios dende o 30 de marzo

• Tamén aumentan os casos activos, que son xa 5.457 (+242)

• Medra tamén a presión hospitalaria

Dispáranse os novos contaxios en Galicia: 441 nas últimas 24 horas

Galicia alcanza os 5.457 casos activos, cun aumento de 242 casos e 441 contaxios de covid−19 confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Son cifras que non se rexistraban dende o 5 de abril e o 30 de marzo, respectivamente.

Casos activos por áreas

Soben todas as áreas, especialmente a área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras (+69) e a de Pontevedra e O Salnés (+57), non moi lonxe do resto de áreas sanitarias.

O repartimento quedaría así:

• Ourense: 1.494 (+15)

• A Coruña: 905 (+29)

• Vigo: 900 (+69)

• Santiago: 851 (+38)

• Lugo: 518 (+21)

• Pontevedra: 538 (+57)

• Ferrol: 251 (+13)

Novos contaxios por áreas

Houbo 441 novos contaxios confirmados por PCR nas últimas 24 horas, segundo os datos aactualizados na web da Consellería de Sanidade na mañá deste mércores con rexistros recollidos até as 18:00 horas do martes.

A área de Ourense, malia ser a segunda coa menor suba de casos activos (+15), é a que máis contaxios rexistrou nas últimas 24 horas (+94). Cómpre lembrar que isto acontece porque no balance do día, hai moitos curados que compensan os novos contaxiados e se restan destes.

Tamén as áreas sanitarias de Santiago e Vigo experimentan importantes aumentos dos contaxios, con 83 novos positivos máis cada unha, que sitúan o seu total de positivos en 851 e 900.

Pola súa banda, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés detectáronse 66 novos positivos, que elevan o total a 538.

Por detrás sitúase a área da Coruña, con 56 novos casos confirmados por PCR, a de Lugo, con 40 novos, e, en último lugar, a de Ferrol, con 19 positivos.

Medra a presión hospitalaria

Aínda que Galicia está lonxe das porcentaxes de ocupación de camas de hospitais e de UCI doutras comunidades autónomas, nas últimas semanas leva experimentando unha suba importante que nos aproxima a niveis de finais de abril e comezos de maio, na baixada da primeira onda.

Hai 48 persoas nas UCI (+1) e 294 persoas en planta (+17).

Cinco falecidos na xornada de onte

Ata a data faleceron en Galicia 836 persoas con covid−19, con cinco últimos falecementos notificados na tarde do mércores, un deles vinculado a unha residencia de anciáns.

En concreto, informouse da morte de mulleres de 73 e 78 anos que se atopaban ingresadas no Complexo Hospitalario de Santiago e no Complexo Hospitalario da Coruña e mais de dous homes de 84 e 83 anos ingresados no Hospital de Verín e no Complexo Hospitalario de Vigo.

Ademais, faleceu unha muller de 91 anos na residencia Os Gozos do Pereiro de Aguiar (Ourense).

Con estas cinco últimas mortes de pacientes con covid−19, a cifra total desde o comezo da nova normalidade ascende a 217 en Galicia. A primeira morte deste período foi a dunha muller o 7 de agosto. Antes diso, a Comunidade galega encadeara case dous meses —desde o 10 de xuño— sen decesos relacionados co coronavirus.

Mapa de niveis de alerta

Alén das restricións, a Xunta elabora un mapa por concellos en que notifica os casos activos (por intervalos) nos últimos sete e catorce días. Non debemos confundir os niveis de alerta cos niveis de restricións, actualizados por concellos onte á noite tras a reunión do comité clínico.

O número de municipios galegos no nivel máximo de alerta, o tres, pola incidencia do coronavirus na última semana elevouse a 21, oito máis que o martes, ao activarse o aviso en Lugo, Pontevedra, Poio, Tui, Salvaterra, A Estrada, Mesía e Oleiros.

Ademais, segundo consta no mapa "semáforo" actualizado diariamente pola Consellería de  Sanidade, continúan no nivel tres pola pandemia os concellos de Ourense, O Carballiño, O Barco, Verín, Santiago, Arteixo, A Laracha, Narón, Culleredo, Ordes, Ames, Vilagarcía de Arousa e Cangas  do Morrazo.

A entrada no nivel máximo de risco de todas estas localidades implica que se detectaron máis de 21 casos de coronavirus no últimos sete días, fóra de Lugo e Pontevedra. Estas dúas, ao teren máis de 50.000 habitantes, están en alerta vermella por sumar máis de 112 contaxios no caso da cidade da muralla, e máis de 96 na do Lérez.

Mentres, en situación 2 —no nivel laranxa do mapa— sitúanse 15 municipios, catro menos que o martes. Son Ferrol, A Coruña, Carballo, Teo, Vilanova de Arousa, Lalín, Marín, Vigo, Nigrán, Gondomar, Mos, O Porriño, Barbadás, Boborás e Monforte de Lemos.

En cor laranxa inclúense municipios de máis de 50.000 habitantes con 56 e 111 casos novos de covid−19 á semana por 100.000 habitantes e nos de menor poboación que presenten entre 14 e 20 casos.