Dispáranse os contaxios de coronavirus en toda España
A situación epidemiolóxica continúa empeorando e os gromos multiplicándose por todo o territorio español. Sanidade contabiliza 837 focos activos e preto de tres mil contaxiados. O peor a día de hoxe está en Euskadi.
Lonxe da desexada tregua de verán, o virus avanza imparable e as cifras de contaxios en España medran incesantemente. Hai máis de 800 gromos activos na península e nas illas.
En Euskadi a situación agrávase. O Goberno vasco estuda restablecer a emerxencia sanitaria tras a suba de contaxios, que nas últimas horas se achegaban xa aos 600 novos casos.
Nas tres últimas semanas triplicáronse as hospitalizacións, hai 136 ingresados e o virus volve atacar as residencias da terceira idade. Coma esta de Bilbao, 17 residentes e 5 traballadores están infectados.
A Comunidade de Madrid, que nas últimas horas notificou máis de 800 novos positivos, anunciou que vai realizar a partir da vindeira semana probas PCR á poboación entre 15 e 49 anos dos distritos e municipios con maior taxa de contaxios.
Elena Andradas, directora xeral de Saúde Pública da Comunidade de Madrid: "O obxectivo é detectar en persoas asintomáticas o máis precozmente posible a infección, estudar os seus contactos e proceder o seu illamento e corentena".
Polo demais, en Aragón, con máis de 400 casos activos, os hospitais e clínicas teñen ingresadas nestes momentos 549 persoas.
E Cataluña rexistrou un aumento de mortes, ata as 28, e un incremento tamén de contaxios durante a semana, pasando xa do milleiro.
Soben e moito os positivos en Andalucía. 433 novos casos de covid-19 nas últimas 24 horas. O maior aumento desde comezos de abril. Preocupan as residencias de maiores. Nesta de Almería detectáronse medio cento de contaxiados.