Dispáranse a 580 os novos contaxios nas últimas 24 horas, cinco en Galicia
Nas últimas 24 horas diagnosticáronse 580 contaxios de coronavirus, en comparación cos 390 do mércores. Iso sitúa en 258.855 as persoas que se infectaron pola COVID-19, segundo as últimas cifras notificadas polo Ministerio de Sanidade.
Ata 3.054 persoas iniciaron síntomas de covid-19 nas dúas últimas semanas e 1.023 nos últimos sete días. Respecto ás mortes, o departamento que dirixe Salvador Illa rexistrou nove con covid-19 nos últimos sete días, tres máis que o mércores, que elevaron a cifra total de falecidos desde o inicio da pandemia a 28.416 persoas.
Por outra banda, o informe publicado por Sanidade mostra que 11.726 persoas ingresaron nunha Unidade de Coidados Intensivos (UCI), 17 nos últimos sete días, e 125.881 precisaron hospitalización, 196 na última semana.
Aragón é a rexión con con máis novos casos por covid-19:
Aragón 266
Cataluña 142)
Andalucía 27
Baleares 3
Canarias 11
Cantabria 2
Castela-A Mancha 24
Castela e León 6
Comunidade Valenciana 23,
Estremadura 10
Galicia 5
Madrid 19
Murcia 4
Navarra 22
País Vasco 16
158 brotes activos
Goberno e comunidades autónomas traballan conxuntamente para elaborar un plan cun protocolo xurídico homoxéneo que permita conter futuros brotes en todo o territorio nacional. Cincocentos oitenta contaxios nas últimas 24 horas constitúen o peor dato desde o pasado 10 de maio. Pero con menos hospitalizacións e ingresos nas UCI.
Cataluña segue sendo un dos focos dos brotes con máis de 1200 novos casos nas últimas 24 horas. Lleida, a comarca do Segrià e Hospitalet preocupan pola transmisión comunitaria. En Barcelona tamén suman máis infectados. O concello estima a posibilidade de reducir a actividade social pero desbota outro confinamento.
O segundo foco de brotes importantes é Aragón, como o relacionado co asentamento ilegal de Albalate de Cinca onde residían traballadores temporais. Hai 28 positivos que pasan a corentena no pavillón deportivo vixiado polo exército, que acudiu para axudar coa loxística en resposta á chamada do alcalde.
Zaragoza e a súa contorna seguen na fase 2 flexibilizada, á que se incorpora a cidade oscense de Barbastro, con 21 novos contaxios. O Goberno fai un chamamento á cidadanía.
Tamén en Aragón, as autoridades sanitarias ordenan exterminar 92.000 visóns infectados pola COVID-19 nunha granxa de Teruel.
En Guipúscoa, as probas PCR confirmaron un terceiro positivo por coronavirus entre os usuarios dun cámping de Zarautz pechado desde este mércores.