Dirixentes provinciais do PP queren ver a Casado na Moncloa "canto antes"
Penúltima xornada da Convención Nacional do Partido Popular en Valencia coa presenza na tarde do sábado dos presidentes provinciais. Antes fora a quenda do presidente do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, quen reivindicou o Partido Popular como alternativa de futuro para España.
Diego Calvo, presidente do PP da Coruña, asegurou sentirse orgulloso de pertencer ao partido que ten "concelleiros en todos os municipios e iso é fundamental", ademais de estar coas persoas e saber dos seus problemas.
Varios dirixentes provinciais puxeron a bancada en pé nesta convención. Unha delas, a presidenta de Lugo, Elena Candia, que fixo unha petición: "Que a próxima convención sexamos máis mulleres". Elena tamén mencionou a Fraga, a industria e os gandeiros do país.
Segundo dixo, "dende Lugo, nunca ningún goberno nacional nos fixo tanto dano. Pablo, ti sábelo ben. Un goberno que protexe máis o lobo que os nosos gandeiros, que as decisións en política enerxética está poñendo en dúbida o traballo de máis de 6.000 persoas na miña provincia".
Baltar entende as eleccións municipais de 2023 como primeiro paso de Casado cara á Moncloa. "As municipais son a nai de todas as eleccións pero temos o gran reto: acadar por primeira vez a primeira lexislatura de Casado que estará moitas como presidente do Goberno de España".
Lealdade tamén da participante máis observada nesta convención, a madrileña Isabel Díaz Ayuso: "Quéroche deixar meridianamente claro onde está o meu sitio, sei que o meu sitio é Madrid e darei o mellor para Madrid porque Madrid é España e porque necesitamos que ti chegues a ser o presidente do Goberno".
O PP de Pablo Casado remata este domingo aquí en Valencia sete días de convención nacional para presentar un proxecto, unha alternativa que faga posible un cambio que consideran urxente para España. Recuperan este domingo un lugar simbólico para eles: a praza de touros de Valencia. E canda Pablo Casado, van tomar a palabra para defender a súa candidatura á Moncloa os actuais xefes de goberno de Austria e Grecia.