CRTVG

Buscar

Directivas de empresas demanan políticas de igualdade e conciliación

Publicado o 21/03/2019 15:44

Son altos cargos e executivas de diferentes empresas galegas, dúas delas por herdanza familiar. Todas coinciden en que ser directiva esixe máis esforzo a unha muller que a un home, sobre todo se, ademais, son nais.

María Vázquez, directora xerente de Mercagalicia: "Cando naceu a miña terceira filla pedín redución de xornada. Traballaba unha hora menos, pero facía o mesmo traballo. Había redución salarial, pero non de carga de traballo".

María Caeiro, conselleira delegada de Grupo Caeiro: "Barreiras tiven moitas, non admitían unha muller nun mundo empresarial masculino". 

Sinalan que a situación mudou moito nas últimas décadas, principalmente no acceso da muller ao traballo en sectores tradicionalmente masculinos, pero lamentan que siga existindo discriminación salarial. 

María Pais, controller do Grupo Quatrium: "A nivel salarial non estamos ao mesmo nivel en todos os sectores. Facendo o mesmo traballo e as mesmas cargas normalmente estamos en rangos salariais inferiores". 

No acto, organizado pola Asociación de Empresarios do Tambre, participou a concelleira de Igualdade de Santiago, que avogou polo permiso de paternidade obrigatorio para evitar a marxinación da muller á hora de acceder a un posto de traballo. Tamén asistiu a secretaria de Igualdade da Xunta, que defendeu a formación e capacitación das mulleres como arma fundamental para conseguir a igualdade.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/03/2019