CRTVG

Buscar

Dinamarca reabre as escolas e Alemaña estuda se pode relaxar as medidas de confinamento

Publicado o 15/04/2020 14:01

Dinamarca convértese hoxe no primeiro país europeo que reabre as escolas para alumnos de ata trece anos. No interior das aulas terán que estar a unha distancia mínima de dous metros, terán que lavar as mans cada dúas horas e no recreo non poderán xogar en grupos de máis de cinco.

Nin todas estas precaucións tranquilizan a moitos pais, que xa comezaron a organizarse para boicoter o regreso ás aulas por entender que o Goberno converte os seus fillos en ratas de laboratorio.

Alemaña ten previsto tamén estudar hoxe se relaxa algunhas das súas restricións e no Reino Unido, que superou xa os 12.000 mortos, dáse como seguro que se manterán polo menos ata o sete de maio.

Ao outro lado do Atlántico, Donald Trump anunciou que vai estudar se retira a súa contribución á OMS, á que acusou de actuar en favor da China e antepoñer a corrección política á salvación de vidas.

Pero a maior preocupación agora dos organismos internacionais está en África. A OMS alerta de que a pandemia aquí podería ser tanto para a súa economía como para os débiles sistemas sanitarios dramática e devastadora.

 

Noticias web

15/04/2020