CRTVG

Buscar

Dinamarca, no ollo do furacán por colaborar cos EUA na espionaxe a Merkel

Publicado o 31/05/2021 19:18
Dinamarca, no ollo do furacán por colaborar cos EUA na espionaxe a Merkel

O suposto consentimento da intelixencia de Dinamarca a que Estados Unidos usase os seus cables de telecomunicacións para practicar a "espionaxe amiga" colocou baixo presión os servizos secretos deste país, do que reclaman explicacións Francia e Alemaña, países afectados por esas escoitas. "O caso remóntase a hai anos. Pero se a información é certa non é aceptable, menos aínda entre aliados europeos", afirmou o presidente francés, Emmanuel Macron, tras as súas consultas bilaterais en formato virtual coa chanceler alemá, Angela Merkel, cuxo teléfono estivo durante anos sometido a escoitas por parte dos EUA, segundo saíu a relucir en 2013.

"O que dixen entón segue vixente agora. Non pode haber espionaxe entre amigos", afirmou a chanceler, tras subscribir o devandito por Macron, en relación a un escándalo que, no seu momento, sacudiu as relacións entre Berlín e Washington. Entre socios, máis entre socios europeos "non pode haber espazo para a sospeita", engadiu o presidente francés, quen indicou que o seu país xa reclamou de Dinamarca "información completa" e está á espera de respostas.

A reacción de Berlín e París segue ás revelacións difundidas onte por medios daneses e alemáns. Segundo estas, a Axencia Nacional de Seguridade estadounidense ( NSA) usou os cables daneses entre 2012 e 2014 para realizar escoitas ilegais a Merkel e outros políticos alemáns, ademais de altos dirixentes de Francia, Suecia e Noruega. 

O escándalo pola espionaxe "amiga" que os EUA practicaron a Merkel e outros líderes saíu a relucir en 2013, grazas ás denuncias do exanalista da CIA Edward Snowden, e embazou as relacións entre os dous grandes aliados transatlánticos, Berlín e Washington. Merkel expresou xa o seu malestar ao entón presidente, Barack Obama, polo que tachou de "inaceptable espionaxe entre amigos".

Sucesivas revelacións xornalísticas sacaron á luz esas prácticas, que a NSA estivera levando a cabo desde os 90 e que afectaron outros líderes e o Banco Central Europeo (BCE). "Pídolles que entendan que sobre temas e actividades de intelixencia non se fala aquí publicamente, senón que se tratan coas correspondentes comisións no Parlamento", dixo hoxe en conferencia de prensa o portavoz do Executivo alemán, Steffen Seibert.

O secretario de Estado de Asuntos Europeos francés, Clément Beaune, falou de feitos "extremadamente graves" se se proba que son certos, termos similares aos empregados polo xefe da diplomacia norueguesa, Frank Bakke- Jensen. "Esiximos que se nos informe dos casos que afectan cidadáns, empresas e intereses suecos. E logo veremos que resposta dan os políticos de Dinamarca", declarou o ministro de Exteriores sueco, Peter Hultqvist. 

 

Noticias web

31/05/2021