Dimite o alcalde de Monterroso tras varias crises de goberno
Foi dende o principio un dos mandatos municipais máis inestables de Galicia. Antonio Gato chegou á alcaldía da man de Independentes por Monterroso para pouco despois romper con eles. Máis tarde pactou con Compromiso por Galicia e co PSOE. Pero tampouco funcionou.
"A corporación está moi fragmentada e hai que buscar sempre o consenso", di Rafael García, voceiro do grupo municipal do PSdeG.
Os desencontros levaron o concello a unha situación de parálise na que se gobernaba a base de decretos.
Rocío Seijas, voceira de Independentes por Monterroso, comenta que o Concello estaba moi bloqueado "porque era unha persoa gobernando ela soa mediante decreto".
Os populares, que quedaron á marxe dos pactos, agardan que agora se abra unha nova etapa.
"Non se pode chegar aos plenos sen pactar acordos antes", laméntase Eloy Pérez, voceiro do PP.
O alcalde en funcións é agora Xavier Vázquez, de Compromiso por Galicia. O pleno para a elección do novo rexedor debería celebrarse antes de dez días.