CRTVG

Buscar

Màxim Huerta: "Voume para que o ruído desta 'jauría' non rompa o proxecto de Sánchez"

Publicado o 14/06/2018 11:29

Màxim Huerta viuse na obriga de abandonar o cargo só seis días despois de tomar posesión. Desde que 'El Confidencial' desvelou a súa fraude con Facenda ata a súa dimisión, ás sete da tarde, pasaron só unhas poucas horas, que se converteron nun clamor para pedirlle a Huerta que marchase ou a Sánchez que tomase a desición de substituílo.

"Voume coa mesma humildade coa que cheguei para que o ruído desta 'jauría' non rompa o proxecto de Sánchez". Así explica Màxim Huerta a súa decisión de abandonar. O xa ex-ministro de Cultura compareceu en rolda da prensa con dous argumentos principais. 

O primeiro, que non foi condenado, senón que perdeu unha demanda en que pretendía defender os seus dereitos.

E o segundo argumento, unha queixa polo clima das redes sociais que, pensa Huerta, personalizaron nel os ataques contra o proxecto de Sánchez.

Huerta poñía así punto e final a unha xornada en que foi o foco de críticas e un enorme debate en redes. Críticas e comentarios tamén desde as principais cabeceiras de prensa que consideraban inviable a súa continuidade nun gabinete que chegou ao poder tras unha moción de censura que prometeu rexeneración. Os medios, botaban man de hemeroteca para lembrar tamen a posición de Sánchez.

Màxim Huerta resistiuse inicialmente ás presións, explicando que fora el quen puxo a demanda contra Facenda, que perdeu e pola que foi multado. 

Pero despois de varias conversas co presidente do Goberno, chegou a decisión, que foi celebrada por todas as forzas políticas, tamén desde o seo do PSOE. A fama do ex-ministro pola súa carreira televisiva convertérao na súa curta traxectoria na diana de chanzas e críticas, especialmente en redes sociais, onde era moi activo. E onde desde o primeiro día rescataron chíos para cuestionar a súa idoneidade para se facer cargo do peso da carteira.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/06/2018