CRTVG

Buscar

Dimite en bloque o Goberno dos Países Baixos polo escándalo na xestión de axudas a familias con fillos

Publicado o 15/01/2021 19:15

Deixaron na ruína milleiros de familias, a maioría de orixe estranxeiro, tras acusalas de fraude sen fundamento

Dimite en bloque o Goberno dos Países Baixos polo escándalo na xestión de axudas a familias con fillos

A tan só dous meses das eleccións nas que o primeiro ministro Mark Rutte buscará a reelección, o Goberno dos Países Baixos dimitiu en bloque este venres por un escándalo de axudas sociais a unhas 26.000 familias con fillos, que foron acusadas de fraude, sen fundamento, o que as deixou na ruína en moitos casos.

Esta é a segunda vez que Rutte vese obrigado a presentar a súa dimisión como xefe dun goberno. En 2012, tras perder o apoio da ultradereita para sacar adiante as súas medidas de austeridade, renunciou ao cargo para volver convocar eleccións nas que saíu gañador e logrou formar unha coalición cos socialdemócratas, aos que tamén salpicou esta polémica ao estar no goberno que dirixía o país ata 2017, en pleno escándalo.

Pero o político liberal confirmou que continuará á fronte do seu partido como cabeza de listas para as eleccións do 17 de marzo e buscará a súa cuarta reelección, tal e como auguran tamén as enquisas, que de momento lle dan mesmo máis escanos dos que ten agora. Aínda non está claro como afectará a dimisión á súa imaxe como xefe de goberno, aínda que este paso enténdese como simbólico polo pouco tempo que quedaba de lexislatura, e os analistas cren que o próximo Executivo terá que xestionar as consecuencias deste escándalo porque o problema de fondo segue aí, na Administración de Impostos, e faltan casos e datos por sacar á luz. 

A afirmación que máis repetiron os ministros saíntes para xustificar a dimisión é a necesidade de todos de “asumir toda a responsabilidade pola violación dos principios fundamentais do Estado de dereito”, aínda que tamén cren necesario indemnizar canto antes a todas as vítimas polo dano causado.

Rutte admitiu que se criminalizou “a persoas inocentes, cuxas vidas foron destruídas” cando se acusou a miles de familias de defraudar á Axencia Tributaria, sen argumentos nin fundamentos, e considerou que o informe que resultou da investigación dun comité parlamentario é “duro, pero xusto” para as dimensións do escándalo. Do mesmo xeito que os seus ministros, o aínda xefe do goberno considera que as cousas "se fixeron terriblemente mal” e recoñeceu que "o Parlamento recibiu información incorrecta e incompleta" durante estes anos nos que os deputados estiveron a rexistrar preguntas sobre este escándalo, atopándose cunha falta de transparencia por parte do Executivo.

Engadiu que "isto non pode e non debe volver saír mal" e lamentou que "o Goberno non cumprise cos seus propios altos estándares", o que supón un "fracaso sistémico que non pode quedar sen consecuencias", segundo concluíron de forma "completamente unánime" os catro partidos da coalición.

Desde 2014, a Axencia Tributaria enviou cartas ás familias con fillos para acusalas de fraude ás autoridades fiscais e por moito que xustificaban a súa necesidade de recibir esas axudas para pagar as garderías, con documentos que incluían contratos de traballo e facturas, os subsidios seguían bloqueados.

Máis tarde, demostrouse que a maioría das vítimas tiñan orixes estranxeiras, principalmente marroquís ou turcos, que, ademais de ver bloqueada a subvención, víronse obrigados a devolver decenas de miles de euros en prazos que non superan unhas semanas, o que levou a moitos a perder a súa casa e o seu traballo para reunir o diñeiro.

O xefe do goberno anunciou que os pais que foron discriminados teñen dereito a unha compensación adicional, que en decembro establecera en 30.000 euros, e anunciou que establecerá unha comisión estatal para que investigue a discriminación e o racismo por parte das institucións, e o papel que iso xogou no ocorrido.

Despois da conferencia de prensa na que anunciou a súa dimisión, Rutte saíu da súa oficina en bicicleta para dirixirse ao Palacio Fuxides ten Bosch, onde presentou a dimisión do gabinete. 

Noticias web

15/01/2021