CRTVG

Buscar

Jean Castex, novo primeiro ministro de Francia tras dimitir Édouard Philippe

Publicado o 03/07/2020 19:30

O primeiro ministro francés, Edouard Philpe, presentou esta mañá ao presiente Macron a dimisión de todo o Goberno. 

Esta renuncia vén motivada polo duro revés electoral sufrido polo partido de Macron nas recentes eleccións municipais e polo desexo do presidente de abrir unha nova etapa, unha vez superado o peor da pandemia. Macron optou pola continuidade ao designar este venres como novo primeiro ministro a Jean Castex, un tecnócrata conservador que garda evidentes similitudes co seu antecesor. 

Macron insistiu moito en que desexa "un novo camiño" para os últimos dous anos do seu mandato, unha senda que pase por achegarse ao ecoloxismo e por combater os efectos sociais que traerá a crise do coronavirus, pero o nomeamento de Castex abunda na súa procura de referentes ente a dereita moderada. "Non hai un cambio de rumbo, senón novos métodos e novas prioridades.

O nome deste alto funcionario de 55 anos, que cobrou relevancia tras ser elixido para pilotar a desescalada (polo que se lle coñece en Francia como Monsieur Desconfinamiento, gañara enteiros nas últimas horas para relevar a Philippe. Castex curtiuse na política local como alcalde dun pequeno pobo na Cataluña francesa

Pero a substitución de Philippe é unha manobra arriscada para o presidente. O seu ata o de agora primeiro ministro gozaba de altos índices de popularidade, e moita xente non entende o relevo. Sobre todo, por alguén de trazos tan similares. Trátase, defende o Elíseo, dunha "unha elección moi 'macronista', dentro do seu espírito de superar as liñas tradicionais. É un home de dereitas, pero ao mesmo tempo é un 'gaullista' social, que pasou por carteiras sociais e sanitarias".

Aínda que Castex deuse de baixa do partido conservador Os Republicanos xusto antes de ser nomeado primeiro ministro, unha das primeiras persoas ás que chamou foi ao ex-presidente Nicolas Sarkozy, gran patrón da dereita gala e un dos seus padriños políticos.