CRTVG

Buscar

Diminúen os casos activos (-38) e a presión hospitalaria en Galicia

Publicado o 23/12/2020 10:10

• Decrecen en todas as áreas, agás na de Santiago (+22) e na da Coruña (+14)

• As persoas nas UCI baixan de 50 por primeira vez dende o 25 de outubro

• A positividade media dos últimos sete días consolídase arredor do 4 %

 

Diminúen os casos activos (-38) e a presión hospitalaria en Galicia

Ás portas do Nadal, Galicia logra manter polo momento o freo na suba de casos activos. Hai 5.565 persoas contaxiadas de covid-19 no país, 38 menos respecto a onte, o que nos aproxima ao val de hai 10 días, cando comezaron a repuntar os casos: 5.521.

Por áreas sanitarias a repartición sería:

• Santiago: 1.270 (+22)

• Vigo: 1.216 (-26)

• Pontevedra: 911 (-11)

• A Coruña: 880 (+14)

• Ourense: 506 (-13)

• Ferrol: 426 (-20)

• Lugo: 356 (-4)

 

Redúcese a cifra de persoas hospitalizadas

Segundo os datos do Sergas, permanecen ingresadas nos hospitais 341 persoas, das cales 293 están en planta (-13) e 48, nas UCI (-3). É a primeira vez dende o 25 de outubro que a cifra de hospitalizados en coidados intensivos baixa do limiar das 50, logo de mesmo acadar os 110 en novembro.

Por desgraza, a cifra de vítimas de pandemia chega ás 1.350, tras os catro pasamentos notificados onte polo Sergas.

Máis PCR e a positividade no 4 %

Soben de xeito importante as probas PCR notificadas polo Sergas: 9.376, isto é, 2.519 máis ca onte. É o número máis alto dende o un de novembro, que eleva a media dos últimos sete días a 7.690.

Do total, deron positivo 299 (+97, respecto á suba de onte), destacando as áreas de Vigo (82), A Coruña (68) e Santiago (61). Isto deixa unha taxa de positividade do 3,19 % para esta xornada, que consolida a taxa media dos últimos sete días de 4,06 %, un punto por debaixo do recomendado pola OMS como máximo para dar por controlada a pandemia.

Mapa de incidencia por concellos