Diminúe a tensión migratoria en Ceuta e trasládase a Marrocos
Foto: EFE/Brais Lorenzo
O peche da fronteira con Marrocos aliviou a situación en Ceuta e cortou o éxodo masivo de inmigrantes. Nas últimas horas, unhas trescentas persoas protagonizaban disturbios ao outro lado do paso fronteirizo, en Castillejos, nun intento de atravesaren os cordóns de seguridade. Un amplo despregamento de seguridade impediulles achegarse á estrada que leva ao espigón do Tarajal.
En territorio español, a situación foi onte moito máis tranquila en Ceuta unha vez que Marrocos pechou a fronteira. Xa non houbo intentos masivos de entrar. Só algúns grupos. Eran interceptados inmediatamente polas forzas de seguridade ou polo exército e devoltos á fronteira. Segundo o Ministerio do Interior, 5.600 persoas das 8.000 que entraron foron devoltas a Marrocos. Unhas dúascentas fixérono voluntariamente, unha ducia delas aínda nas últimas horas, ante a falta de medios para subsistir e tras días durmindo en parques e xardíns da cidade.
Esta mañá, calma absoluta no paso fronteirizo do Tarajal. Apenas os servizos de limpeza recollendo os restos da peor crise migratoria vivida en España. Kevin Zapata, sarxento da comandancia de Ceuta, rememoraba hoxe escenas vividas con "nenos necesitados, nenos sen pais, mulleres embarazadas, mulleres con nenos", consciente de que "todos os que vestimos uniforme sabemos ao que nos enfrontamos e sabemos que hai que axudar a todo o mundo".
Preocupa a situación dos 1.500 menores que entraron estes días, 900 deles non acompañados. Foron acollidos provisionalmente en Ceuta e estanlles realizando probas PCR. Trescentos deles foron trasladados ao albergue de Piniers. A avalancha desta semana acabou saturando os centros de acollida.
Para aliviar a situación na cidade autónoma, o Goberno pídelles ás comunidades autónomas que acollan douscentos menores non acompañados que xa estaban acollidos antes desta crise.
Son mozos cunha situación legal, escolar e sanitaria xa regularizada. Algunhas comunidades coma Cataluña, Euskadi, Comunidade Valenciana ou Extremadura xa se manifestaron dispostas a acollelos. Tamén o Goberno galego se declarou disposto a acoller algúns destes menores. Nas próximas horas votaranse os criterios de repartición.
Mentres tanto, a Cidade Autónoma de Ceuta facilitou este xoves un teléfono de contacto para familias de Marrocos que poden estar a buscar os fillos. O propósito é que, deste xeito, poidan iniciarse os contactos e os trámites para que, unha vez identificados, se inicie o correspondente expediente de acollida temporal, e poida producirse o reagrupamiento familiar.
A medida foi posta en marcha polo Goberno autonómico debido a que varias familias denunciaron a través das redes sociais a marcha dos seus fillos cara a Ceuta sen consentimento.
O Goberno di que non vai aceptar chantaxes de Marrocos
A ministra de Defensa, Margarita Robles, dixo este xoves que Marrocos ten que ter "moi claro" que España "non vai aceptar chantaxes", que a integridade territorial "non é negociable, nin está en xogo".
Robles, nunha entrevista en Radio Nacional de España, expresou o desexo de que Marrocos cumpra coas regras do dereito internacional, tras lembrar que o vivido esta semana non só é unha agresión ás fronteiras españolas, senón ás da Unión Europea.
"Marrocos atopouse cun comportamento absolutamente humanitario e entregado das nosas forzas armadas, dos corpos de seguridade do Estado e da ONG", dixo.
Sobre o acollemento en España ao líder da Fronte Polisario, Brahim Gali, subliñou que se fixo por "razóns humanitarias", unha circunstancia prevista no dereito internacional.
Robles dixo que non houbo un reforzo militar en Ceuta e Melilla, senón que son forzas que están instaladas de forma permanente na zona e que, polo tanto, van seguir alí desenvolvendo as súas funcións.
Por outra banda, a titular de Defensa pediulle ao líder do PP, Pablo Casado, unidade e "sentido de Estado" en asuntos como fundamentais como as pandemias ou as crises internacionais, e cualificou de "oportunismo" político "inaceptable" a petición de Vox de militarizar as fronteiras españolas.
O líder do PP tamén acusa a Marrocos de provocar esta crise, pero critica o Goberno por non saber xestionala. Pablo Casado asegura que o seu partido xa lle dixera a Sánchez que "había que ter unha relación diplomática con Marrocos intelixente", algo que considera que non se fixo e que denunciou onte no parlamento de España, "que é onde hai que facer unha oposición leal, pero unha oposición leal non é unha oposición silenciosa e a lealdade en política ten que ser recíproca".
En plena crise, o Rei Filipe entregou hoxe os despachos aos novos diplomáticos. O monarca recordoulles que van "defender e impulsar os intereses de España con plena consciencia que están vinculados aos de Europa".