Falecen dezasete persoas por covid-19 nunha xornada en que os casos activos caen por baixo dos 20.000
• Redúcese a presión asistencial, agás nas UCI, cun enfermo máis
• A Coruña segue a dar mostras de melloría nos indicadores
• En dezaseis concellos galegos, a maioría en Ourense, non hai casos
O Sergas informa do falecemento de 17 persoas ingresadas nos hospitais galegos. As mortes producíronse entre o día 4 e este domingo e algúns dos falecidos procedían de distintas residencias de maiores do país. As persoas vítimas do coronavirus tiñan entre 67 e 99 anos. A cifra de falecidos desde o mes de marzo é así de 1.967 persoas
Os indicadores que mostran a incidencia do coronavirus en Galicia seguen a dar sinais de certo respiro. O Sergas informa que cos datos recollidos ata as 18 horas do venres son 19.966 as persoas coa infección activa; hai unha baixada de 921 casos respecto á véspera. Caen así por baixo das 20.000 as persoas coa covid−19, un dos descensos máis pronunciados da terceira vaga.
Os positivos diarios diagnosticados tamén baixan e son 833 (-86), aínda que os que recibiron o resultado por PCR son 819, con 11 máis que a xornada anterior. Os contaxios seguen así por baixo do milleiro por segunda xornada consecutiva.
A presión hospitalaria redúcese, con 1.274 persoas ingresadas, nove pacientes menos. En planta son 1.026, dez enfermos menos, pero nas UCI aínda hai 248, un paciente máis ingresado en críticos nas úlitmas horas.
A outra cara da moeda son os curados: increméntase a 1.738 o número de persoas que deron superado o virus.
Situación por áreas sanitarias
A melloría aparece en todas as áreas sanitarias coa baixada de casos activos. A presión hospitalaria baixa na Coruña e sobe en Ourense, con nove enfermos máis, oito en planta e un na UCI. As persoas co virus activo nas distintas zonas son:
A Coruña: 5.319
Ferrol: 1.694
Lugo: 1.863
Ourense: 2.240
Pontevedra: 2.526
Santiago: 3.023
Vigo: 3.301