CRTVG

Buscar

Dificultades de circulación e máis de 1.100 alumnos sen clase por mor da neve en Lugo

Publicado o 04/12/2020 14:59

A neve condiciona a circulación en boa parte da rede viaria da montaña luguesa pero afectou tamén á actividade dos colexios. 14 tiveron que pechar, e máis de 1.100 alumnos quedaron sen clase.

A mañá comezaba con moitas dificultades para circular pola autovía do Noroeste. No concello lugués do Corgo a Garda Civil restrinxía o paso de camións e a neve complicaba cada vez máis a circulación.

Situación semellante á que se viviu en toda a rede secundaria da montaña luguesa, con especiais dificultades nos Ancares, na Fonsagrada, no alto da Gañidoira, en Muras ou tamén en Guntín, onde o tráfico interrompeuse por momentos na nacional 540 e tivo que ser cortado provisionalmente na autovía Lugo-Santiago.

En zonas como Pedrafita, unhas temperaturas que chegaron ata os catro graos baixo cero provocaron tamén a aparición de xeo, o que dificultou aínda máis o tráfico e con iso o traballo de moitos transportistas.

En Pedrafita os veciños limpan a neve e din que xa tardaba en chegar a primeira nevarada da temporada.

A neve e o xeo dificultaron a circulación do transporte escolar, e en centros coma este de Becerreá os pais vían como eran suspendidas as clases.

En total pecharon 14 colexios, e víronse afectados máis de 1.100 alumnos da provincia de Lugo.

Esta mañá nevou tamén na cidade de Lugo e noutras localidades situadas mesmo por baixo dos 500 metros previstos.

Noticias web

04/12/2020

Máis sobre Lugo