CRTVG

Buscar

Diego González Rivas: "Na China tomaron medidas radicais que en España nin se contemplarían"

Publicado o 14/04/2020 12:07

A palabra coronavirus que hai dous meses parecía importada da China converteuse en parte das nosas conversas habituais.

Diego González Rivas é un cirurxián galego coñecido internacionalmente por crear unha técnica de cirurxía torácica videoasistida minimamente invasiva que opera con una sola incisión.​ O ano pasado recibiu o premio nacional de medicina da China.

"Eu paso moito tempo na China porque temos un programa de cirurxía minimamente invasiva alí, no hospital máis grande do mundo. Recibimos cirurxiáns de todo o mundo para aprenderlles a nosa técnica. O sistema chinés é completamente diferente ao español en canto á sanidade. Alí funciona máis con seguros médicos e é moi diferente segundo que provincia".

"É difícil falar a touro pasado de cales foron as mellores medidas, que se fixo ben, que se fixo mal... Si che podo dicir que A China, desde o primeiro día, tomou medidas moi agresivas. Pecharon Wuhan. Tamén é certo que nos primeiros días tentaron non dar demasiada alarma. Iso foi un erro".

"Foron moi radicais. En cidades como Shanghai e Pequín, nas que houbo poucos casos, paralizaron a cidade durante un mes. Pararon as empresas e incluso os hospitais. Nós adoitabamos realizar entre 80 e 90 intervencións de pulmón ao día. Durante practicamente mes e medio estivo a cero. Con esas medidas tan drásticas, en dous ou tres meses solucionas o problema. Agora están facendo unha vida normal".

"Non podemos comparar o sistema chinés e o español. Aquel Goberno é moito máis controlador. Todo ten a súa parte boa e a súa parte mala".

"É unha enfermidade que produce como unha gripe con síntomas máis acusados e que nalgunhas persoas produce unha reacción inmunolóxica moi severa. Iso é o problemático desta enfermidade. Non se sabe por que certas persoas desenvolven unha reacción grave. O sistema inmunolóxico reacciona de maneira desmesurada que pode poñer en perigo a vida do paciente".

"Estou convencido de que hai moitísimos máis infectados dos que coñecemos, porque é unha enfermidade moi contaxiosa. Pero a maioría están asintomáticos. Non podemos prever quen vai ter síntomas e quen non. Ese é o risco deste virus. Quizais haxa unha relación coa cantidade de virus á que estás exposto. Por iso os sanitarios, gardas civís... precisan máis protección".

Noticias web

14/04/2020