Diego Calvo, presidente da Comisión de Reconstrución: "A xente quere acordos"
Hoxe no Bos días falamos con Diego Calvo, que é desde onte o presidente da Comisión de Reconstrución Económica e que onte mesmo botou a andar no Parlamento galego.
Se cadra un indicador da importancia que se lle dá no Parlamento a esta comisión é que alí van estar todos os cargos relevantes da cámara.
Sobre cal é o obxectivo da comisión, Diego Calvo di: "É unha necesidade, os galegos están á espera de que os políticos cheguemos a un acordo. Trátase dun exercicio de responsabilidade e eu espero que cheguemos a grandes acordos para intentar saír desta situación".
En canto a como se vai traballar, o presidente da Comisión de Reconstrución Económica explica que "as visións que temos os diferentes partidos son distintas pero o acordo é necesario para darlle confianza á economía. Espero que polo menos nos grandes núcleos e nas principais medidas coincidamos maioritariamente. O plan de traballo consiste en que cada grupo propón a xente que entenden que deben ir á comisión. E a partir de aí, comezar a traballar canto antes".
Unha das claves da recuperación van ser os fondos da UE. Diego Calvo di que "hai un debate pendente de pechar: saber se se vai asignar unha cantidade concreta de fondos a cada comunidade ou se se van ter en conta os proxectos que se presentan e só financiar os que sexan viables. O importante é que eses proxectos sexan útiles para a cidadanía galega".