CRTVG

Buscar

Diagnosticar a covid-19 polo olor mediante cans adestrados: obxectivo dun estudo da Universidade do País Vasco

Publicado o 05/06/2021 14:45

Cans adestrados preparados para facer un traballo co coronavirus semellante ao que realizan coas drogas. Así explican este proxecto os seus responsables na Universidade do País Vasco. O obxectivo é conseguir identificar o olor específico dos afectados pola covid-19 a partir da súa suor.

Os voluntarios deben permanecer 24 horas sen ducharse e colocar despois unha gasa baixo o brazo, que se introduce nun bote de cristal. Así se consegue a mostra. "Necesitamos xente que teña un test de antíxenos ou PCR recente, das últimas 48 horas. Unha vez que teñamos entre 150 e 200 mostras, poderemos empezar a fase de determinación das moléculas pola cromatografíae e cando esa esencia estea purificada ou identificada poderanse adestrar os cans, que é a terceira fase", explica Hugo Mayo, profesor da Universidade do País Vasco.

O traballo de laboratorio é fundamental. Unha máquina chamada cromatógrafo de gases vai comparar as moléculas aromáticas de persoas sas coas de persoas contaxiadas. "A nosa idea é tentar identificar as moléculas aromáticas ou moléculas volátiles que son características da suor dunha persoa que fora positivo ou que sexa positivo por covid", sinala Luis Bartolomé, técnico de Análise Química da UPV.

Lograrase así a sinatura de olor específica da covid-19, fundamental para que os cans poidan indentifcar un contaxiado en poucos segundos. "Van ter que aprender e memorizar unha substancia e facer un punto a punto para marcanos a substancia positiva, o punto positivo", matiza Iosu Méndez, director de BeloAran, un centro de instrución canina.

Para o traballo de detección do coronavirus, como sucede con drogas ou explosivos, o fundamental é a memoria do can. En todos os casos, os animais tratan de identificar o que se chama un olor diana inconfundible.

Noticias web

05/06/2021