CRTVG

Buscar

Diagnostican en Asturias un caso de coronavirus vinculado co brote da Mariña

Publicado o 02/07/2020 21:01

• A muller, con residencia na Mariña, é un dos 47 casos confirmados

• Rastrexan os contactos dun caso importado de Colombia diagnosticado en Santiago


 

O brote de coronavirus na Mariña suma 47 casos positivos tras a realización da 900 probas PCR. Tamén se atribúe a este brote o dunha muller diagnosticada en Asturias, pero que traballa na comarca luguesa. O caso rompeu a tendencia de tres semanas sen ningún positivo no Principado.

"Estase estudando e analizando o nivel de posibles contaxios no seu círculo tanto familiar como laboral", informaba Adrián Barbón, presidente do Principado de Asturias.

Na actualidade hai 58 brotes activos en España, pero Sanidade considera que a maioría non son preocupantes.

"É bo que falemos de brotes en vez de transmisión comunitaria descontrolada. Moitos destes brotes están abertos, pero non son brotes de interese epidemiolóxico", dixo Fernando Simón.

A transmisión comunitaria, asegura o doutor, segue reducíndose. E os brotes mesmo axudan, xa que permitiron aumentar a detección e illamento de persoas asintomáticas que doutro xeito seguirían propagando o virus. Sanidade considera que agora o maior risco son os casos importados.

"Europa vai moi ben, pero o resto do mundo vai , de regular a mal", resumía Simón.

Na última semana detectáronse en España 56 casos importados, un deles en Santiago. Agora rastrexan as persoas coas que tivo contacto. Chegou o sábado ao aeroporto de Madrid desde Colombia, colleu un tren ata Galicia, pero a causa dunha avaría en Zamora rematou o traxecto en autobús. Xa en Compostela colleu un taxi ata a súa casa.

Noticias web

02/07/2020