CRTVG

Buscar

Milleiros de persoas saen hoxe ás rúas para esixir a fin da violencia contra a muller

Publicado o 25/11/2019 09:23

Hoxe, 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, hai convocadas concentracións e manifestacións en vilas e cidades. 1.027 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas ou ex-parellas desde que existen rexistros, 63 delas en Galicia.

No que vai de ano, cinco galegas foron asasinadas pola súa parella ou ex-parella. Case a metade das 51 mulleres que morreron por este motivo en España tiñan algún fillo menor de idade.

O Corpo Nacional de Policía súmase ás reivindicacións do 25 de novembro, lembrando a disposición dos servizos públicos para axudar as mulleres que sofren unha situación de violencia. A mesma mensaxe que nun día coma hoxe quere deixar María José, que sobreviviu a 25 anos de maltrato.

"Buscade axuda, soas non ides poder saír, pero haina, e moita xente que vos apoia, e tedes onde ir, non ides estar na rúa, buscade axuda", pide María José.

Milleiros de mulleres e homes sairán hoxe ás rúas de vilas e cidades para pedir a fin da violencia contra a muller. Hai convocadas manifestacións e concentracións en vilas e cidades. Os colectivos feministas organizadores das mobilizacións non esquecen as 1.027 mulleres asaninadas desde que comezaron os rexistros, 51 no que vai de ano. Piden máis compromiso de toda a sociedade para erradicar o machismo e a desigualdade que están na base desta violencia.

En Santiago, nunha marcha á que acudiron representantes de todos os partidos do arco parlamentario galego, a secretaria xeral de Igualdade lembraba que se trata dun problema social que hai que hai que atallar entre todos.

Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta: "O único culpable é o maltratador, estamos completamentamente seguros de que hai que poñer o foco no maltratador e apoiar as mulleres, os nenos que son vítimas directas e as súas familias, que moitas veces dependen delas".

Desde o Goberno central, a vicepresidenta de Igualdade en funcións lembrou que a lexislación está pendente de modificacións para mellorar a protección das vítimas.

Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno en funcións: "As modificacións que temos pendentes do Código Penal para protexer a integridade das mulleres e particularmente a reconsideración da seguridade contra a liberdade sexual, a modificación do Código Civil para protexer os menores que están en risco en caso de ter un proxenitor maltratador".

Carmen Calvo lembrou que o Pacto de Estado contra a violencia machista foi aprobado en 2017 sen ningún voto en contra e lamentou que a ultradereita estea tentando romper os consensos sociais e políticos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/11/2019