CRTVG

Buscar

O verán dá un adianto en Galicia, con termómetros que superan os 30 graos

Publicado o 13/05/2019 21:41

• A máximas rexistráronse en Ourense, con 33 graos. A masa de aire cálido africano seguirá con nós ata o mércores

Estamos vivindo o primeiro episodio de calor deste ano, que está deixando temperaturas case de verán. E non só polo día: en puntos como en Vigo a calor continúa de noite.

En Vigo alcanzáronse hoxe os 28 graos de máxima, unha temperatura elevada para esta época do ano, que moitos aproveitaron para ir á praia e facer actividades ao aire libre. Pero o que sorprende aínda máis é que a calor segue arestora, e que seguirá cando se poña o sol: a temperatura mínima non baixará esta noite dos 19 graos. Unha situación que se repetirá tamén mañá en toda a comarca de Vigo. Iso si, este verán a destempo vai ser fugaz, porque o mércores xa notaremos menos calor, e o xoves volverán caer as temperaturas.

Cos termómetros rozando os 30 graos, non pode haber outra estampa coma esta. Areais ateigados de xente para gozar desta entrada de aire cálido africano.

Uns tomando o sol, outros dando paseos pola beira, pero onde mellor se estaba era na auga xa que a súa temperatura era tamén alta.

E se a temperatura é alta durante o día, as mínimas non dan demasiada tregua.

Máximas de 33 graos en Ourense

Cor tamén en toda a provincia de Ourense, especialmente na cunca do Miño. Dende o mediodía na cidade o termómetro xa comezou a subir. Hoxe aquí, segundo Metogalicia, agárdase chegar aos 35 graos.

Tempo máis que de primavera xa de verán. Pero os ourensáns están acostumados á calor e tamén a estes cambios de temperatura, e cada un lévao como pode.

Aos que lles gustan as altas temperaturas aproveitan para tomar o sol nas beiras do Miño e a xente anímase a saír a pasear.

E o tempo volverá cambiar a partir do xoves, cunha baixada de temperaturas de ata 10 graos. Agárdase que hoxe sexa o día máis caloroso da semana. Aproveiten o bo tempo estes tres días.

 

 

 

Noticias web

13/05/2019