CRTVG

Buscar

Actos de homenaxe por toda Galicia a Rosalía no 182 aniversario do seu nacemento

Publicado o 24/02/2019 15:31

Abre o día este 24 de febreiro coa Alborada de Rosalía: "Arriba todas, rapaciñas do lugar, que o sol e a aurora xa vos vén espertar. Arriba toleirona mocidade que aturuxaremos, cantaremos o Alalá".
E cantado foi, no seu barrio natal, ante a súa figura, na alameda compostelá, ata chegar ao actual Hostal dos Reis Católicos

"A primeira Galicia que atopou Rosalía de Castro foi a dunha nai solteira, foi a dun papel que a inscribía como fillos de pais incógnitos e foi un hospicio, agora hostal, en que estaban abandonados os nenos", conta Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía

E esa primeira Galicia que Rosalía puxo en versos, escoitámola hoxe en diferentes voces: a través dos seus poemas, rememoráronse as múltiples imaxes que a historia nos deixa da escritora:

"Unha muller valente que no s. XIX puxo o mellor da súa creatividade ao servizo do seu pobo, da causa literaria, da causa cultural e tamén da social", di Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.

"Unha Rosalía que sempre tivo moitísimo afán por defender que as escritoras teñen que ter o seu lugar e o seu espazo público. E que ademais se solidarizou moitísimo coas clases populares deste país", conta Goretti Sanmartín, filóloga e vicepresidenta da Deputación da Coruña.

"Manifesta o poema:
o espolio dunha perenne miseria
as violacións: a roupa de cote puñéronma en tiras
a inxustiza social sin abrigo tembra".

Libre de pensamento, así reivindicou a Rosalía o manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega, pronunciado pola escritora Ana Romaní ante os seus restos, no Panteón de Galegos Ilustres, onde os seus poemas seguiron escoitándose nas voces de compañeiras desta casa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/02/2019