CRTVG

Buscar

'Dia das Crianças' dende as alturas grazas á colaboración de quince pilotos galegos

Publicado o 01/06/2020 21:53

Hai 95 anos que, un día coma hoxe, un de xuño, en Portugal celebran o Dia das Crianças. Este ano é atípico; os pequenos non poden saír da casa, pero no aeródromo de Vila Nova de Cerveira deron cunha solución para sacarlles un sorriso aos nenos e nenas, que si que poden asomarse ás fiestras.

A COVID-19 aguzou o enxeño dos pilotos deste aeródromo de Cerval, o máis antigo de Portugal e, de fiestra en fiestra, de balcón en balcón e vila por vila, unha vintena de avionetas percorreron o ceo portugués, voando baixo, a uns mil pés, coa intención de lograr o contacto visual cos máis pequenos, que hoxe, Dia das Crianças, están na casa. Houbo tempo tamén para unha exhibición aérea. Vendo as caras duns e outros, non sabemos se o pasaron mellor os cativos ou os pilotos.

A misión no aeródromo de Cerval estaba clara: encher o ceo portugués de sorrisos.

Os pilotos reciben as instrucións. Co mapa do percorrido listo, toca preparar as avionetas.

Combustible cheo, escoitamos xa como arrincan algúns motores aínda en terra. 

Engalando. Unha vintena de avionetas voan na procura dos saúdos e sorrisos dos máis pequenos das casas da zona do alto Miño, que, por causa da COVID-19, non saen.

Uns vinte pilotos, quince galegos, cen quilómetros de percorrido aéreo, pasando polos concellos de Cerveira, Valença e Caminha. Con exhibición incluída.

Neste Dia das Crianças en Portugal, os pequenos non saen, pero, de seguro, lembrarán con agarimo este agasallo que lles chegou directamente do ceo.




 

Noticias web

01/06/2020