CRTVG

Buscar

Día da Marmota e da Candeloria: dous prognósticos do tempo, unha mesma orixe

Publicado o 02/02/2021 21:20

O animal fala, o home escoita. O público, virtualmente expectante. A marmota dá o seu prognóstico, e un señor traduce: "Hai unha perfecta sombra miña. Haberá seis semanas máis de inverno", asegura a marmota Phil, porque ao saír da súa guarida viu a súa propia sombra. Se non a vise, significaría que a primavera chegaría antes do previsto.

Entre sombreiros de copa, Phil é reverenciado. Así sucede cada dous de febreiro dende hai máis de 130 anos, cando os inmigrantes alemáns levaron a Pensilvania esta idea que comparte orixes cunha festa nosa, a Candeloria.

A Candeloria procede dos cultos pagáns da fertilidade e dos ciclos da natureza. "Os paxariños casan na Candeloria". Había rituais do lume, lume protector. Na antiga Roma celebraban ese lume con procesións nocturnas con candeas. Logo a festa cristianizouse. "O nome orixinal desta festa vén da presentación do neno Xesús no templo", conta un párroco de Arzúa.

Se miramos máis aló das fiestras da igrexa, vemos que por atrás do ceo anda o refraneiro: "Se a Candeloria chora, o inverno vai fóra". E este 2 de febreiro choveu sen parar. O refrán aposta por máis primavera, a marmota por máis inverno. A festa ten a mesma orixe.

Noticias web

02/02/2021