CRTVG

Buscar

Dezasete modelos posibles de Nadal, tantos como comunidades autónomas

Publicado o 19/12/2020 14:41

As comunidades autónomas están movendo ficha canto ao endurecemento das medidas de referencia para o Nadal que establecera o ministerio de Sanidade. Máis da metade modificaron xa o seu plan inicial.

Canto ao número de persoas que se poderán reunir nos días festivos, Galicia, Madrid ou a Comunidade Valenciana só permitirán un máximo de seis, pero na maior parte das comunidades manteñen a cifra en dez. "Nós imos seguir pensando polo menos nos dez para as concentracións familiares, porque desde moitos puntos de vista entendemos que é onde máis vai tomar en serio a xente a súa propia seguridade", explicaba o presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page.

Nos confinamentos perimetrais tamén hai diverxencias. En xeral, permitirase visitar familiares e achegados nas datas centrais das festas, como sucede en Galicia, Castela-A Mancha ou Navarra, pero a Comunidade Valenciana restrinxe mesmo as viaxes interiores entre provincias, e algo semellante sucederá en Tenerife, que queda illada do resto das Canarias.

Aragón anunciaba esta mañá que non se levanta o confinamento provincial a partir do día 21, como anunciara, e vaise estender ata o doce de xaneiro. "O Goberno de Aragón decidiu manter os confinamentos provinciais, de xeito que o tránsito entre unha provincia e outra aterase exactamente ás mesmas condicións de tránsito entre unha comunidade e outra", sinalaba o presidente desta comunidade, Javier Lambán.

Na maior parte do Estado haberá un toque de queda uniforme, que é o establecido por Sanidade: abrangue de 1:30 a 6:00 da mañá. Pero o País Vasco rebaixa o inicio á unha e na Rioxa remata antes, ás 5. Como exemplo máis estrito figura Cantabria, que o sitúa entre as dez da noite e seis da mañá, o mesmo que sucederá en provincias concretas como Tenerife e Mallorca. Son os exemplos que ofrece un Nadal atípico e disímil.

Noticias web

19/12/2020