CRTVG

Buscar

Dezaseis feridos leves ao chocar un tren cando estacionaba en Mataró

Publicado o 16/06/2020 20:42

Un total de 16 persoas resultaron feridas, ningunha delas de gravidade, ao chocar un tren cando facía manobras de estacionamento en Mataró (Barcelona), nun accidente ferroviario cuxas causas investigarán os Mossos d'Esquadra. 

O convoi accidentado este martes é un tren da liña R1 de proximidade e o choque causou contusións e feridas ao maquinista e a quince viaxeiros, a maioría dos cales foron atendidos no mesmo lugar por técnicos do Sistema de Emerxencias Médicas (SEM). Dez foron trasladados a un centro hospitalario, aínda que ningún deles está grave. En concreto, catro dos feridos foron evacuados ao Hospital de Mataró (Barcelona), dous ao Germans Trias i Pujol de Badalona (Barcelona) e catro ao Hospital de Badalona. 

O accidente ocorreu pouco antes das catro e media da tarde, cando un convoi da liña L'Hospitalet de Llobregat-Mataró, que chocou co tope da vía número catro na estación da  capital da comarca barcelonesa do Maresme

Inmediatamente, activáronse efectivos dos Bombeiros da Generalitat, de Mossos d'Esquadra, Protección Civil e do Sistema de Emerxencia Médicas (SEM), que acudiron ao lugar do sinistro. Tamén se activou un equipo de psicólogos do SEM, así como un helicóptero medicalizado e unidades terrestres. 

Os Mossos d'Esquadra investigarán as causas do accidente, polo que analizarán o contido da caixa negra do convoi sinistrado. 

Cara ás 18.30 horas da tarde, a dirección xeral de Protección Civil da Generalitat desactivou a pre-alerta do plan de accidentes ferroviarios (Ferrocat), unha vez todos os feridos que o requirían xa foran trasladados a centros hospitalarios e a circulación de trens púidose normalizar.