CRTVG

Buscar

Unha farmacéutica malagueña provócalles a síndrome do lobishome a 17 bebés

Publicado o 28/08/2019 21:00

Dezasete bebés contraeron a síndrome do lobishome tras consumir un xarope de fórmula maxistral. O produto co que se elaborou ese xarope non era omeprazol contaminado, como se dixo nun principio, senón directamente monoxidil, un medicamento contra a calvicie que fixo medrar de xeito anormal o pelo dos nenos e que lles causou tamén danos nos órganos internos.

Dous farmacéuticos de Granada explican que elaboraron un xarope para nenos, contra o refluxo gástrico. E usaron o que debería ser omeprazol a granel.

"Nós adecuamos a formulación (para lactantes) para que sexa líquida, en xarope. Entón, co principio activo que nós recibimos co seu certificado de análise de cumprimento da farmacopea europea, etcétera, é co que nós preparamos o medicamento", relata Juan José Molina.

O problema é que un erro grave na empresa distribuidora provocou que as farmacias recibiran etiquetado como omeprazol o que en realidade era minoxidil, un vasodilatador moi potente usado para combater a calvicie, que provocou nos nenos que o consumiron un crecemento desmesurado do pelo, unha hipertricose.

Angela Sellés, a nai dun dos 17 bebés afectados, conta que ao seu bebé "medroulle moitísimo o pelo, ademais dunha semana para outra, moitísimo pelo e por todo o corpo. Agora mesmo os nosos fillos son coelliños de indias, porque a ninguén se lle ocorrera antes a magnífica idea de darlle iso a un bebé, entón é un prognóstico indeterminado", di.

A ministra de Sanidade, María Luísa Carcedo, referiuse ao asunto esta mañá e confirmou que  "o erro parte dun envasado erróneo: introdúcese este medicamento nun envase que tiña rotulado como omeprazol". Tamén destacou que todos os lotes foron retirados e que, arestora, non hai risco sanitario ningún.

Os últimos datos apuntan a que o lote de omeprazol a granel procedente da India ao que en principio se culpaba do problema estaba en realidade en bo estado, e que foi a empresa malagueña Farma-Química Sur a que fallou na etiquetaxe. Sanidade clausurouna por estes graves incumprimentos nos sistemas de control.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/08/2019