CRTVG

Buscar

Dez persoas morren cada día en Galicia por causas relacionadas co tabaco

Publicado o 01/06/2019 10:29

Hoxe é o Día Mundial sen Tabaco. O tabaquismo é unha enfermidade crónica que afecta máis de 1.200 millóns de persoas en todo o mundo.

Segundo a Organización Mundial da Saúde, provoca a morte de oito millóns de persoas ao ano. Este Día Mundial da Saúde é unha oportunidade para disuadir e concienciar sobre os efectos nocivos e letais do consumo de tabaco en calquera das súas formas: tanto como fumadores activos ou pasivos. A campaña centrouse este ano nas consecuencias negativas da saúde pulmonar que van desde o cáncer ata enfermidades respiratorias crónicas. A mensaxe de hoxe, a mesma ca de todos os días: o tabaco mata, pero tamén é a primeira causa de morte evitable.

Pódese evitar porque podemos deixar de fumar. Segundo os datos máis recentes da Enquisa de Saúde en España, o 80% dos fumadores quere deixalo, moitos intentárono, case a metade conseguírono e o resto fracasaron.


Ninguén dixo que fora fácil pero si, pódese deixar de fumar. Cómpre saber que o tabaquismo é unha enfermidade crónica, a Organización Mundial da Saúde recórdanos que cada ano mata 8 millóns de persoas no mundo. Na USC, en Santiago, levan desde 1984 ofrecendo cursos para deixar de fumar.

Do que se trata é de analizar a situación de cada un e de aprender a deixar de fumar. No Día Mundial do Tabaco, a mensaxe non é tanto aprender senón concienciar, desta volta está centrado na saúde pulmonar. Hoxe os médicos do Clínico de Santiago intentárono con pacientes.

Dez persoas morren cada día en Galicia por causas relacionadas directamente co tabaco. Por iso, máis ca nunca recordámolo e repetímolo: fumar mata. Pero tamén repetimos e recordamos que se pode deixar de fumar e que, neste sentido, a morte pódese evitar.









 

 

Noticias web

01/06/2019