CRTVG

Buscar

Dez días sen mortes en Galicia por covid-19 cos casos activos estabilizados

Publicado o 20/06/2020 14:49

 

 

Os hospitais galegos non comunicaron ningún morto con covid-19 por décima xornada consecutiva co que a cifra total de falecementos mantense en 619.

 Nas últimas 24 horas descendeu nun o número de contaxios co que o rexistro do SERGAS queda en 340 activos, dos que 334 están en seguimento domiciliario.  Durante a semana houbo lixeiras oscilacións nas cifras que se estabilizan. Tampouco hai ningún ingreso en UCI, que seguen baleiras de pacientes con coronavirus.

Por áreas sanitarias, 110 casos activos están na Coruña, 17 en Lugo, 24 en Ourense, 8 en Pontevedra, 141 na de Vigo, 28 en Santiago e 12 en Ferrol. En residencias de maiores hai 4 usuarios contaxiados e 1 profesional. Un total de 10.530 persoas recibiron a alta desde que comezou a pandemia.

O número de PCR realizadas en Galicia é de 164.673.

Nas últimas horas conmputáronse 154 novos positivos, dun total de 245.575. En Galicia houbo onte tres novos diagnósticos por PCR e once nos últimos sete días, co que a incidencia da enfermidade se mantén como a máis baixa do Estado.

Preocupan os rebrotes que se rexistraron nas últimas semanas, aínda que está controlada a súa orixe: nos hospitais de Vitoria e Bilbao, en dous xeriátricos de Valladolid e noutro de Madrid. Tamén os casos detectados nun hostal en Alxeciras, nunha residencia universitaria en Cartaxena, entre un grupo de migrantes chegados a Fuerteventura e outro de traballadores do campo localizados en Murcia.