CRTVG

Buscar

Dez detidos en Almería e cinco menores liberadas dunha rede de prostitución infantil

Publicado o 20/02/2021 12:20

Axentes da Garda Civil liberaron en Almería cinco menores que estaban a ser explotadas nunha rede de prostitución infantil, e detiveron dez persoas, entre elas a suposta proxeneta das adolescentes. Impútanlles os delitos de prostitución de menores, explotación sexual, corrupción de menores e abuso e agresión a menores.

Unha muller, que se valía dunha relación de amizade coas menores, xestionaba a rede para explotalas ofrecendo os servizos en páxinas web de contactos e chats de contido sexual. Algúns dos clientes solicitaran os servizos das menores cunha frecuencia semanal durante dous anos. Comezaron a ser prostituídas en 2019, cando tiñan idades de 13, 15 e 16 anos.

Estes servizos empezaron nos primeiros meses de 2019 e prolongáronse no tempo durante case dous anos. As investigacións iniciáronse en xuño de 2020 coa denuncia da nai dunha das menores, que encontrou unha serie de mensaxes de Whastapp que revelaban un comportamento estraño no móbil da súa filla.

As pescudas permitiron desvelar que estaba a ser prostituída canda outras catro menores por unha muller para unha rede de clientes en anuncios. A muller cobraba máis da metade dos cartos que percibían as vítimas por cada un dos servizos que realizaban.

As menores acudían aos domicilios dos clientes ou a lugares que elixían eles como aparcamentos illados en distintos concellos de Almería.

Noticias web

20/02/2021