Dez claves para entender os indultos
EFE
EFE
1.328 días despois de entrar en prisión (1.345 os Jordis), os condenados polo procés serán postos en liberdade tras recibir o indulto do Goberno, que lles perdoa a pena que quedaba por cumprir. Pero que supón a medida de graza?, cando sairán?, é reversible?, afecta os fuxidos? A continuación, dez claves dun indulto histórico:
• QUE IMPLICA O INDULTO?
O indulto -parcial- conmuta a pena que quedaba por cumprir, por tanto sairán de prisión liquidando as súas respectivas condenas, aínda que baixo a condición de que non cometan un delito grave nun prazo de entre tres a seis anos, nese caso a pena indultada sumaríase a unha eventual nova condena. Non se perdoan os delitos, só a pena. E aínda que algúns foron condenados por sedición e malversación -delito de corrupción- o Goberno deixa claro que o Supremo impuxo unha soa pena por concurso medial -unidade de feito -e non dous diferentes por cada delito.
• QUEN SON OS INDULTADOS?
Os nove condenados por sedición, que cumpren penas de prisión: o exvicepresidente Oriol Junqueras, a expresidenta do Parlament Carme Forcadell, os exconsellers do Govern Raül Romeva, Jordi Turull, Josep Rull, Joaquim Forn, Dolors Bassa; o expresidente da ANC e deputado de JxCat Jordi Sànchez, e o presidente de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart. Aínda que a resposta é individualizada, a motivación e argumentos da utilidade pública que xustifican o indulto son comúns a todos. Non foron indultados os exconsellers Meritxell Borràs, Carles Mundó e Santi Vila, porque o pasado día 8 cumpriron a súa condena de vinte meses de inhabilitación que lles impuxo o Tribunal Supremo e a lei sinala que unha vez cumprida a pena, non se pode indultar.
• CANDO ESTARÁN EN LIBERDADE?
De inmediato, previsiblemente mañá. O Rei asinará esta tarde os indultos e mañá o real decreto será publicado no BOE, polo que nese momento o Supremo -ao que corresponde executar a graza- poderá xa actuar e remitir un mandamento de excarceración ás prisións correspondentes.
• PODERÁN VOLVER Á POLÍTICA E OCUPAR CARGOS PÚBLICOS?
Non. O indulto afecta as penas de prisión, pero non as de inhabilitación, que non se tocan, por tanto ata que cumpran a condena por inhabilitación -que oscilan entre os nove e os trece anos- non poderán ocupar cargos nin traballar para un organismo público. Si poderán, en cambio, ocupar cargos internos nos seus partidos, como xa fan Junqueras e Sànchez en ERC e JxCat.
• OS INDULTOS SON REVERSIBLES, TEÑEN MARCHA ATRÁS?
Non, o indulto é unha decisión irrevogable e non é reversible, aínda que o Goberno incluíu unha cláusula de condicionalidade, que consiste en anular os indultos se volven delinquir.
• CAL É ESA CONDICIÓN QUE INCLUÍU O GOBERNO?
Que non cometan un delito grave -penado con máis de cinco anos- nunha marxe de tempo que oscila entre os tres e os seis anos. Iso tradúcese en que en caso de sentenza firme por feitos delituosos en próximos anos, sumaríaselles a pena que se lles indultou, xa que a medida de graza quedaría anulada.
• POR QUE O GOBERNO IMPÓN ESA PINZA DE ANOS?
Porque o Executivo entende que os líderes independentistas teñen unha participación política e social diversa nestes momentos. Para fixar eses anos, tívose en conta se seguen inmersos na política, se a abandonaron ou se, mesmo, manifestaron a súa vontade de non renunciar á vía unilateral. Por iso fíxanse seis anos a Junqueras, que segue sendo o líder de ERC, tres para Bassa que manifestou que deixa a política, e cinco para os Jordis, que son os peor parados en proporción á pena que lles impuxeron.
• PÓDESE RECORRER O INDULTO?
Si, ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que debe revisar se o indulto cumpre con todos os requisitos formais (que non falten informes) e se non é arbitrario, é dicir, que está suficientemente motivado. Hai dous meses para presentar un recurso no que o recorrente debe acreditar un interese directo no asunto, algo que en cuestións de indultos implica máis a persoas afectadas pola graza (familiares) que a institucións (partidos), que poderían incorrer nunha falta de lexitimidade para recorrer.
• UN RECURSO PODE DEIXAR EN SUSPENSO O INDULTO?
Automaticamente non. Só é posible se o recorrente -PP, Vox e Cs anunciaron que recorrerán- solicita unha cautelar ou cautelarísima, aínda que fontes de Moncloa dubidan que calquera destas dúas medidas poidan prosperar, da mesma forma que están convencidos de que tampouco os indultos se poidan tombar. Primeiro porque se argumentaron de maneira sólida e motivada, e segundo porque non cren que estes partidos estean lexitimados.
• ESTA MEDIDA AFECTA A PUIGDEMONT E O RESTO DE FUXIDOS?
Non. Os indultos só afectan os condenados polo Supremo e non se poden aplicar ao expresident Carles Puigdemont nin ao resto dos políticos fuxidos porque non foron axuizados. Eles están á marxe de toda esta cuestión e desde a Moncloa pídenlles que asuman as súas responsabilidades, regresen a España e rindan contas coa Xustiza.