CRTVG

Buscar

Dez anos sen Sonia Iglesias: a familia leva xa unha década pedindo respostas

Publicado o 18/08/2020 15:11

A grande incógnita segue sen despexarse: que lle ocorreu a Sonia de Iglesias entre as 10 e cuarto da mañá e as 12 menos cuarto do 18 de agosto de 2010.

O único contrastado é que o día da súa desaparición Sonia e a súa parella saíron xuntos do piso que compartían para dirixirse a unha zapataría. Alí deixou unhas sandalias e neste punto pérdeselle a pista ata hoxe.

A súa parella, Julio Araújo, da que segundo a familia pretendía separase, estivo imputado entre 2012 e 2014 porque incorreu en varias contradicións. Primeiro dixo que Sonia baixou do vehículo porque había un atasco e despois porque porque un turismo lles cortara o paso.

Pero a xuíza ditaminou a súa desimputación por considerar que estas contradicións carecían de carga probatoria.

O último grande impulso á investigación tiña lugar en 2018, cando se ordenou o rexistro da vivenda en que residira a súa parella, e que pertence á familia de Julio Araújo, quen volveu ser interrogado xunto co seu irmán. Pero de novo non houbo resultados.

Como tampouco se conseguiron no rexistro dun pozo dunha leira de Marcón, en Pontevedra, en xaneiro deste ano.

Na actualidade a causa xudicial está arquivada de forma provisional, pero a policía segue intentando chegar ao fondo desta desaparición. Un suceso que conmoveu a cidadanía pontevedresa, que protagonizou multitudinarias manifestacións.

Este ano non se celebrará ningún acto. Dende o silencio e dende a dor da familia lembramos que Sonia segue sen estar connosco dende hai unha década.

Noticias web

18/08/2020