CRTVG

Buscar

Dez anos do roubo do Códice Calixtino

Publicado o 07/07/2021 21:51

Os informativos desta casa daban a noticia inesperada aquel 7 de xullo de 2011. Medios de comunicación e sociedade enteira introducíanse nunha historia que ía dar moito de si. Podería ser un roubo calquera, pero non o foi: o Códice Calixtino era a xoia do Arquivo da Catedral, permanecía custodiado nunha caixa forte ata que dous días antes de facerse público apareceu aberta, sen estar forzada e, como nas películas, completamente baleira. Comeza aquí a historia do roubo. Comeza tamén un roubo histórico.

Cobrou forza desde o principio a hipótese do caco que coñecía ben o templo fronte ao ladrón de luva branca. Un ano de rastrexos, de investigación, de moitísima expectación e, finalmente, no lugar menos agardado , o tesouro máis buscado: en Ames, no garaxe do exelectricista da catedral e envolto entre papeis de xornal, o Códice Calixtino.

Manuel Fernandez Castiñeiras confesou o roubo, supostamente en vinganza por ser despedido logo de 25 anos de servizo, foi ao cárcere e en 2019 quedou en liberdade por unha enfermidade incurable. Morrería pouco despois. Ata aquí o relato de misterio, investigación e intriga.

Desde hai nove anos, o do recuperado manuscrito medieval. En 2017 a UNESCO inscribiuno no Rexistro da Memoria do Mundo, foi exposto en varias ocasións, e a día de hoxe segue custodiado no Arquivo da Catedral, no mesmo lugar onde un día de hai xa dez anos un electricista decidiu escribir unha páxina nova nada máis e nada menos que no mesmísimo Códice Calixtino.






 

Noticias web

07/07/2021