CRTVG

Buscar

Dez anos desde a caída de Lehman Brothers, a quebra da economía mundial

Publicado o 14/09/2018 21:36

Mañá fanse dez anos da quebra de Lehman Brothers. Este banco de investimentos foi a primeira vítima da burbulla inmobiliaria estadounidense. A súa caída provocou a quebra de bancos e institucións financeiras de todo o mundo. Marcou ademais o comezo da maior crise económica dende o crack do 29.

Era a noite do 14 ao 15 de setembro de 2008. Os empregados de Lehman Brothers abandonaban as oficinas de Nova  Iork e Londres coas súas pertenzas metidas en caixas de cartón. O banco de investimentos acababa de quebrar. Lehman Brothers foi a primeira vítima dunha práctica económica descoñecida ata entón. Os bancos concedían demasiadas hipotecas, sen preocuparse de se os clientes podían pagalas ou non. Todo o mundo podía endebedarse. Despois, esas hipotecas con alto risco de impago vendíanse dunhas entidades a outras.  E tamén se vendían como bonos aos investidores en bolsa.  Lehman tiña moitos destes títulos. Pero, en xeral, todo o sistema estaba contaminado. Cando a xente con menos recursos deixou de pagar as hipotecas, o banco caiu en picado. En só un ano perdeu o 95% do seu valor.

A de Lehman Brothers foi a quebra máis grande da historia. E provocou unha crise financeira a nivel mundial da que aínda non estamos recuperados.  Houbo quebras bancarias en 24 países de todo o mundo. As bolsas entraron en pánico. A construción parou. Pecharon empresas, aumentou o paro, comezaron os desafiuzamentos de familias das súas casas.E os gobernos investiron millóns de en rescatar os seus sistemas financeiros aumentando así a súa débeda.10 anos despois, as consecuencias do terremoto son aínda visibles na economía mundial.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/09/2018