CRTVG

Buscar

Dez anos de prisión para unha muller de Cambados por prenderlle lume á casa dos seus pais

Publicado o 22/04/2021 14:17

Xuízo en Pontevedra contra unha muller acusada de intentar asasinar os seus pais ao lle prender lume á casa con eles dentro. A acusada, unha muller de 40 anos veciña de Cambados, manifestou o seu arrepentimento e admitiu todos os feitos diante do tribunal que a xulgou na Audiencia de Pontevedra. Unha confesión que lle valeu unha redución en dez anos da condena inicial que solicitaba para ela o Ministerio Fiscal.

En xullo de 2019 xa recoñecera ser a autora do incendio co que tentou acabar coa vida dos seus pais, cos que convivía. Para conseguilo prendera lume na vivenda, mentres eles durmían, preparando material inflamable en varios puntos da casa para que as lapas se propagaran con rapidez. Por sorte, o fume espertou o matrimonio que puido salvar a vida. Daquela a procesada fuxiu do lugar, pero horas despois presentouse ante a Garda Givil e confesou. Dende entón permanecía en prisión preventiva.

A Fiscalía pedía para ela vinte anos de cárcere por un delito de incendio e dous de tentativa de asasinato con aleivosía. Finalmente só deberá cumprir dez pola aplicación da atenuante de confesión. A vista foi moi breve. O pai da acusada faleceu e a nai, segundo dixo, perdoouna. O Ministerio Público tamen retirou a petición de afastamento dos seu proxenitores e a muller deberá pagar unha indemnización polos danos causados. 

 

Noticias web

22/04/2021