Devolven os restos mortais de Debórah Fernández ao ceminterio de Pereiró
Despois dunha semana de análises en busca de probas, os restos de Déborah Fernández eran devoltos está mañá ao cemiterio de Pereiró onde a familia celebrou un acto privado co que esperan poñer fin a 19 anos de incerteza.
O pasado día 18, o corpo de Déborah foi exhumado para que os forenses e antropólogos puideran recoller mostras que permitan identificar un responsable. Tanto a familia como os investigadores confían neste proceso para esclarecer todos os erros que consideran que se produciron naquel momento. Ademais dos restos mortais, recuperouse tamén a súa axenda e unha empresa informática traballa para rescatar datos que puideran ser borrados do disco duro do seu ordenador.
A familia terá que esperar entre 2 e 6 meses para coñecer os resultados desta nova investigación pero agardan que con todo isto poidan esclarecer o que lle ocorreu a Déborah ese 30 de abril de 2002 e por fin se faga xustiza.