Devolve unha mochila con material tecnolóxico valorado en mil euros
Un adolescente de Culleredo conseguiu que un dos seus veciños recuperara unha bolsa con material tecnolóxico valorado nuns mil euros. Todo comezou cando Óscar Quintáns deixou esquecida unha mochila ás portas do seu local da Corveira onde ensaia e dá clases de música.
Pouco despois, Alexis Rodríguez deu con ela. Pensou que podería ser dun alumno do instituto no que estuda e abriuna para curiosear e saber que había dentro. "Dentro tiña un móbil e unha tableta. Rapidamente, cando cheguei á casa, díxenllo á miña nai e baixei á policía. Quedaron abraiados de que un neno da miña idade deixase alí un móbil e non quedara con el", relata.
E tamén quedou abraiado Óscar cando o chama unha amiga para darlle conta do sucedido. "Eu non me decatei ata horas despois. Chamoume unha compañeira porque a chamara a policía porque tiñan un móbil. Eu non me din conta ata o día seguinte, porque teño dous teléfonos", asegura.
Alexis tiña claro dende o principio que devolvelo era o seu deber como cidadán. Un xesto de honradez dun adolescente de 14 anos que Óscar non quixo pasar alto. "Subiume unha cousa que non sei como explicar e quíxenme poñer en contacto con el para agradecerllo", comenta.
Alexis, que ten claro que volvería actuar do mesmo xeito, di que ao final gañaron os dous.