CRTVG

Buscar

Detidos un home e a súa parella como sospeitosos da morte da nai del en Lalín

Publicado o 06/02/2018 08:08

Dentro dunha hora está previsto que pasen a disposición xudicial un veciño de Lalín mais a súa parella, detidos despois de que a nai del aparecese hai uns días morta na súa casa. Foron eles mesmos os que avisaron da morte da muller.

Os dous detidos pasarán previsiblemente ás nove da mañá a disposición deste Xulgado número 1 de Lalín que instrúe o caso. A nai do detido apareceu morta o venres pasado na súa casa. O médico negouse a firmar o certificado de defunción ao sospeitar dunha morte violenta. A muller, de 71 anos, vivía nunha casa contigua á do fillo e a súa parella, que eran quen se encargaban do seu coidado. A autopsia revelará como morreu.

A vítima, María Carme Castro Lamas, vivía soa nunha casiña humilde deste lugar de Cima de Sello, en Lalín, preto da outra casa da familia, a uns 300 metros, na que residía o seu fillo mais a súa parella. Eles eran os encargados de coidala.

A muller, de 71 anos, enviuvara hai un ano e estaba enferma e encamada. Foi alí onde a atoparon o venres morta, en circunstancias que fixeron desconfiar ao facultativo que tiña que asinar o parte de defunción de que se podía tratar dunha morte violenta. Os resultados da autopsia que lle realizaron revelarán as causas exactas da morte. Non se descarta que levase tempo falecida. A vítima recibiu sepultura o sábado.

A Garda Civil comezou a investigar o caso e onte á mañá eran detidos o seu fillo, de 45 anos, e a súa parella, que pasaron esta noite nos calabozos da comandancia da Garda Civil de Pontevedra á espera de declarar perante o xuíz de Lalín.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/02/2018