CRTVG

Buscar

Detidos tres sospeitosos de prender 40 lumes forestais en Galicia

Publicado o 12/08/2017 20:30

Trátase dun home de Ordes e dous mozos arrestados en Arteixo

Un deles é un home de Ordes acusado de prender 28 lumes en zonas forestais, algúns deles nas proximidades de zonas habitadas. O detido, de 53 anos, identificado coas iniciais J.F.L. e residente en Mesía, está acusado de prender lumes en zonas de Mesía e Frades desde abril, o que xerou "alarma social".     

"Algúns lumes iniciáronse a escasos 30 metros de vivendas familiares", precisa a Garda Civil nun comunicado.     

O home foi "sorprendido tras acabar de prender lume no monte de Vilariño e con catro chisqueiros na man". Ademais, o acusado dificultaba a investigación e trataba de despistar ás forzas de seguridade para evitar ser arrestado.

Os outros dous detidos son dous mozos aos que a Garda Civil considera sospeitosos de provocar 13 incendios forestais. Os mozos, identificados como A.R.R., de 21 anos, residente en Carrizal-Coristanco, e A.B.E., de 20 anos, con domicilio en Sixto-Carballo, foron detidos en Arteixo tras os incendios do pasado luns nunha zona que estaba xa baixo intensa vixilancia.     

Segundo a Garda Civil, o ano pasado e este houbo unha serie de incendios forestais a finais de xullo e principios de agosto cun "modus operandi determinado por horarios, puntos de inicio, intencionalidade vandálica e a época en que se producían estes", que levaron a reforzar a vixilancia na zona.     

Apunta que desde 2010 as autoridades rexistraron "multitude de incendios forestais" en zonas de O Carrizal e O Piñeiro, Ferreira e Coristanco, polo que xa intensificaran os labores de investigación e de prevención na zona.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/08/2017