CRTVG

Buscar

Detidos tres delincuentes tras unha persecución policial por Pontevedra

Publicado o 05/02/2020 13:28

O coche utilizado polos tres delincuentes que protagonizaron unha persecución policial a madrugada do luns en Pontevedra permanece aparcado fronte á comisaría. A policía atopou dentro del unha maza de ferro e unhas luvas, utensilios que se supón que utilizaron para forzar a porta dunha cafetería do centro da cidade e estragar a máquina comecartos para roubar a recadación.

O roubo foi contra as tres e media da mañá. Paula Novas, voceira da Comisaría de Pontevedra: "Recibiuse unha chamada de alerta de que se acababa de producir un roubo no establecemento e que os presuntos autores saíran fuxindo a toda velocidade nun vehículo. Unha patrulla que estaba a traballar na zona detectounos e iniciou unha persecución".

Os ladróns saltaron un ceda ao paso e bateron contra un camión. A persecución continuou durante un quilómetro aproximadamente. Rematou na entrada dun centro comercial na parroquia de Salcedo. O coche dos delincuentes meteuse na cuneta, derrubou parte do valado e tronzou unha árbore.

Non está claro se querían entrar na zona comercial ou na autoestrada en dirección norte. 

Paula Novas, voceira da comisaría de Pontevedra: "Os axentes saíron a toda velocidade tras eles e conseguiron deter un que foi o que soltou as caixas coas moedas da máquina comecartos que subtraeran e os outros dous fuxiron. Iniciouse un dispositivo de busca por toda a cidade e finalmente localizáronos na estación de autobuses cando trataban de fuxir". 

Os tres detidos, de entre 30 e 40 anos, son veciños de Ferrol e contan con antecedentes policiais. Tras declarar no xulgado de garda, quedaron en liberdade, acusados dun delito de roubo con forza.

Noticias web

05/02/2020