CRTVG

Buscar

Detidos os ladróns que asaltaron unha coñecida cervexería coruñesa

Publicado o 14/03/2019 14:29

Na Coruña, a Policía Nacional desmantelou unha banda organizada á que se lle atribúen dous roubos con violencia e intimidación e tamén tenza ilícita de armas. O último dos seus atracos foi nunha cervexería de Catro Camiños, en decembro pasado, da que levaron 37.000 euros tras golpear cunha pistola o empregado que levaba a recadación desa fin de semana. A investigación segue aberta.

Despois de tres meses de investigacións, os axentes da Policía Nacional da Coruña lograron prender catro membros dun grupo de delincuencia organizada aos que se lles atribúen dous delitos de roubo con violencia e intimidación. O primeiro foi en novembro de 2018, nun domicilio da cidade, onde un dos autores, empregando unha arma de fogo, intimidou unha muller para roubarlle cartos e xoias. Os outros participantes agardábano no exterior.

O segundo roubo con violencia e intimidación foi en decembro pasado nesta cervexería de Catro Camiños.

"Dous eran clientes habituais da Estrella que tiñan controlados aos encargados...", di o xefe do Grupo de Delincuencia Organizada e Violenta.

Neste feito abordaron a vítima cunha arma de fogo cando saía coa recadación da fin de semana para ingresala nun banco próximo. Déronlle un golpe na cabeza coa culata da pistola e tras facerse co botín de 37.000 euros. Os tres autores materiais fuxiron nunha motocicleta.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/03/2019