CRTVG

Buscar

Os radicais detidos en Cataluña preparaban atentados con explosivos

Publicado o 24/09/2019 07:52

• A fiscalía defíneos como "grupo terrorista preparado para actuar de forma inminente" | Vencellados cos CDR, dous deles quedaron libres e os outros sete foron trasladados á Audiencia Nacional

Marlaska: "Isto non é unha operación contra o independentismo"

 

A Garda Civil detivo en Cataluña nove independentistas radicais que, supostamente, preparaban atentados con explosivos para a próxima semana. Dous deles quedaron libres con cargos e os outros sete foron trasladados á Audiencia Nacional. A Fiscalía cualifícaos como grupo terrorista e impútalles delitos de rebelión, terrorismo e posesión de explosivos. 

Durante os rexistros, os axentes atoparon abundante material co que elaborar artefactos explosivos, que, segundo a Fiscalía da Audiencia Nacional, tiñan previsto utilizar de maneira inminente. Posiblemente coincidindo co aniversario do referendo do 1 de outubro, e a partir de aí no momento en que saíra a sentenza do procés.

Segundo algunhas fontes, tamén se atoparon planos de edificios públicos, contra os que, supostamente, querían atentar.

A Fiscalía cualifica os detidos como un grupo terrorista de índole secesionista catalá, e impútalles delitos de rebelión, terrorismo e posesión de explosivos.

A través do Twitter, o presidente da Generalitat defendeu que o independentismo é un movemento pacífico, e cualificou esta operación policial como unha mostra da represión do Estado. Ciudadanos pídelle que explique no Parlamento se segue apoiando os CDR.

 Lorena Roldán, Ciudadanos, "quero lembrar as palabras de Torra aos CDR dicíndolles que apertasen. Que quería dicirlles, que apertasen o detonador?".

Como resposta a esta operación policial, convocáronse concentracións de protesta en distintos puntos de Cataluña.













 

Noticias web

24/09/2019