CRTVG

Buscar

Detidos na Coruña seis integrantes dunha organización criminal dedicada á explotación sexual e ao branqueo de capitais

Publicado o 12/09/2019 13:46

A Policía Nacional detivo na Coruña seis integrantes dunha organización criminal dedicada á explotación sexual, que, presuntamente, tamén se dedicaba ao branqueo de capitais a través da compra de vehículos antigos e á comercialización de permisos de residencia.

Ademais, os axentes detiveron en Barcelona e Toledo outros tres membros desta banda de orixe nixeriana, cunha forte infraestrutura para desenvolver a súa actividade ilícita, e liberou unha vítima de tráfico de persoas, segundo informa a Dirección Xeral da Policía nun comunicado.

A investigación comezou cando unha vítima denunciou ante a policía como fora captada en Nixeria e o funcionamento da organización, que trasladaba persoas desde este país africano a España para explotalas sexualmente.

Os axentes observaron que os detidos utilizaban para trasladar as vítimas o roteiro que transcorre por Nixeria, Níxer, Alxeria, Libia e Italia, para posteriormente viaxar, por vía marítima, de Nápoles (Italia) a Barcelona. Desde alí traían as mulleres ata Madrid para, finalmente, obrigalas a exercer a prostitución en Toledo e A Coruña.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí